Co gallo do inicio dos exames ordinarios do segundo cuadrimestre, a Biblioteca Universitaria pon en marcha a súa programación de aperturas especiais en horario nocturno e de fin de semana dende o 9 de maio ata o vindeiro 19 de xuño. As aperturas desenvolveranse nunha biblioteca de cada un dos campus: Biblioteca Central de Ourense, Biblioteca Central de Pontevedra (no edificio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación) e Biblioteca de Torrecedeira en Vigo.
Co inicio do mes de maio, a Biblioteca Universitaria lanza unha nova pregunta no marco da súa enquisa dixital de satisfacción "PREME" (unha pregunta cada mes). Neste caso a pregunta versa sobre a satisfacción dos usuarios e usuarias cos servizos de préstamo interbibliotecario e obtención de documentos.
Como resultado da colaboración entre o Consorcio Bugalicia e as Bibliotecas Universitarias de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, ponse en marcha "Portico", o portal de acceso e busca nos múltiples recursos de información que ofrecen as bibliotecas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Entre outras ferramentas, a plataforma Pórtico inclúe un metabuscador que permite a organización, recuperación e acceso á información académica nunha contorna heteroxénea de catálogos bibliográficos, libros e revistas electrónicos, bases de datos e outros recursos en internet.
A Sección de Referencia da Biblioteca Universitaria organiza unha nova exposición bibliográfica baixo o título "Vexo Vigo". A mostra, que se pode visitar desde o pasado 27 de marzo na Biblioteca Central do campus Lagoas-Marcosende (Vigo), amosa unha selección dos libros que se poden atopar la Biblioteca sobre a cultura, a historia, a arte, as parroquias, os roteiros, etc. da cidade olívica.
A enquisa de opinión da Biblioteca do mes de abril dedícase á satisfacción dos usuarios coa oferta de recursos electrónicos. Na actualidade, e grazas tanto á súa participación no Consorcio Bugalicia como ao desenvolvemento dunha política propia de contratación de recursos-e, a Biblioteca Universitaria pon a disposición do seu público unha ampla colección de recursos de informacion en rede. A oferta pode clasificarse en tres grandes categorías: revistas-e, libros-e e bases de datos e portais. Coa finalidade de coñecer o grao de satisfacción que esta oferta electrónica suscita, a Biblioteca prega e agradece aos usuarios e usuarias a sua participación na enquisa.