Como resultado da colaboración entre o Consorcio Bugalicia e as Bibliotecas Universitarias de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, ponse en marcha "Portico", o portal de acceso e busca nos múltiples recursos de información que ofrecen as bibliotecas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Entre outras ferramentas, a plataforma Pórtico inclúe un metabuscador que permite a organización, recuperación e acceso á información académica nunha contorna heteroxénea de catálogos bibliográficos, libros e revistas electrónicos, bases de datos e outros recursos en internet.
Desenvolvido coa aplicación Metalib, Pórtico é unha plataforma que mellora o acceso á biblioteca electrónica (cos seus recursos dixitais coma revistas-e, libros-e, bases de datos, etc.) e á biblioteca tradicional de recursos impresos localizables polo catálogo OPAC. A través de buscas integradas, Pórtico permite coñecer os recursos dispoñibles nas diferentes áreas de coñecemento e lanzar sobre eles consultas transversais, ver os resultados dun xeito unificado e enlazar ao texto completo se a Biblioteca dispón del. Grazas a Pórtico o usuario pode seleccionar os recursos nos que quere facer a súa consulta que o sistema unifica e presenta os resultados eliminando os duplicados.
Ademais do metabuscador, Pórtico inclúe o xestor de enlaces SFX que integra os compoñentes da biblioteca dixital mediante unha tecnoloxía de xeración dinámica de enlaces que facilita medios para obter o texto completo, comprobar se a Biblioteca dispón da versión impresa, solicitar un documento a través do servizo de préstamo interbibliotecario, consultar o factor de impacto, ver a tabla de contidos ou resumos,buscar outros documentos do autor ou exportar citas a Refworks.