Por mor de problemas técnicos, a enquisa mensual da Biblioteca Universitaria non foi activada ata o pasado sábado, día 10 de xaneiro. Pregamos desculpas aos usuarios e usuarias da Biblioteca, en especial a aqueles que intentaron responder á enquisa durante os días pasados.
Rematado o mes de decembro, a Biblioteca Universitaria continua co desenvolvemento da súa enquisa de opinión PREME (unha pregunta cada mes) dirixida aos seus usuarios. Neste caso, a pregunta do mes de xaneiro trata sobre os edificios e instalacións bibliotecarias.
Dentro da súa preocupación por mellorar o servizo que ofrece aos usuarios, a Biblioteca Universitaria incorpora ao seu catalogo en liña Perseo unha nova funcionalidade de enriquecemento dos rexistros bibliográficos. Grazas ao servizo Syndetics, os rexistros do catálogo pasan a incorporar informacións complementarias dos libros, vídeos e DVD catalogados. O servizo, que vén de ser posto en marcha pola Sección de Proceso Técnico e Catalogación, amplía a información ofrecida polo catálogo coas imaxes das cubertas dos libros, os índices de contido, resumos, notas sobre o autor, reseñas e, en ocasións, algún dos capítulos da obra, normalmente o primeiro.
Continuando co esforzo por coñecer mellor a opinión dos seus usuarios e usuarias, a Biblioteca da Universidade de Vigo lanza a nova pregunta do seu sistema de enquisas dixitais PREME (unha pregunta cada mes). Nesta ocasión, a pregunta, que corresponde ao mes de decembro, refírese ao grao de satisfacción xeral co servizo da Biblioteca Universitaria.
Desde o pasado día 5 de novembro, e ata o 5 de decembro, a Biblioteca Central do campus de Ourense participa nas actividades que se desenvolven no campus dentro da 6ª Olimpiada Solidaria de Estudio © organizada pola ONG Coopera (Jóvenes para la Cooperación al Desarrollo).