Co inicio do novo curso, a Biblioteca Universitaria retoma o seu programa "PREME" de enquisas mensuais dixitais para coñecer o grao de satisfacción dos seus usuarios e usuarias. Despois do paréntese dos meses de agosto e setembro, a Biblioteca lanza neste mes de outubro unha nova pregunta sobre a opinión dos usuarios co catálogo da Biblioteca.
O catálogo, denominado "Perseo", é accesible a través da web e recolle e referencia a totalidade dos fondos bibliográficos e documentais que forman as coleccións que a Biblioteca poñe a disposición da comunidade universitaria para facilitar as súas actividades de aprendizaxe, docencia e investigación. Do mesmo xeito inclúe funcionalidades complementarias como renovación de préstamos, acceso ao rexistro persoal do usuario, procura de bibliografía recomendada polos profesores, difusión das novas adquisicións, caixa de suxestións, etc. Recentemente a Biblioteca enriqueceuno co servizo "Syndetics" (v. post O catálogo da Biblioteca enriquécese con Syndetics)q ue incorpora aos rexistros bibliográficos informacións complementarias dos libros, vídeos e DVD catalogados (imaxes das cubertas, índices de contido, resumos, reseñas, notas sobre o autor e, en ocasións, algúns capítulos das obras).
A Biblioteca anima aos seus usuarios a responder a esta sinxela enquisa que estará dispoñible desde hoxe, día 1 de outubro, ata o derradeiro día do mes. Para acceder a enquisa prema aquí.