A Biblioteca Universitaria ven de publicar a versión 1 da súa Carta de Servizos aprobada pola Comisión de Biblioteca en febreiro de 2008. A Carta de Servizos é un documento no que a Biblioteca informa publicamente aos seus usuarios, e comunidade universitaria en xeral, dos servizos que ofrece e dos compromisos de calidade na súa prestación.
Editada en tres idiomas (galego, castelán e inglés), a Carta estrutúrase en seis apartados: servizos ofrecidos, directorio das bibliotecas, compromisos de calidade, indicadores de avaliación dos servizos bibliotecarios, normativa básica que afecta á Biblioteca e fórmulas de participación dos usuarios.
Ademais da súa publicación en forma de folleto de papel que se pode atopar nos mostradores das 11 bibliotecas da Universidade de Vigo, a Carta ofrécese en versión pdf a través da web da Biblioteca (apartado "novidades/información xeral") e de Blogdabiblio.