O novo número do boletín Impacto está dedicado ao número de citas e impacto normalizado que acadan en WOS os artigos publicados por membros da Universidade de Vigo entre 2009 e 2018. Este boletín recolle unha escolma dun traballo máis amplo, elaborado pola Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria, que se pode consultar na guía de Informes e estudos bibliométricos...
Os indicadores bibliométricos baseados no número de citas que acadan os documentos teñen medrado nos últimos anos. As diferenzas nos hábitos de publicación e citación entre os distintos ámbitos temáticos non fan recomendable que se use o número absoluto de citas para comparar documentos de distintos ámbitos, polo que xurdiron os indicadores de impacto normalizado. Neste estudo empregamos o indicador CNCI (Category Normalized Citation Impact), que se calcula dividindo o número de citas recibidas por un traballo entre a media das citas obtidas polos traballos publicados ese mesmo ano na mesma categoría temática. O resultado é un número no que o valor 1 indica que ese artigo se sitúa na media para ese ano e ese ámbito, e calquera cifra superior e inferior indica que se atopa por riba ou por baixo da media respectivamente. Así, por exemplo, se un artigo acada un CNCI de 1,5, isto indica que obtivo un 50% máis de citas que a media dos artigos publicados nese ano na mesma categoría.
No número 5 do boletín Impacto, achegamos: para cada ámbito temático, o artigo que acadou un número de citas máis elevado en WOS, a distribución relativa das citas recibidas polos artigos segundo o ámbito temático no que están clasificados os artigos citados, e, para cada ámbito temático, a distribución dos artigos segundo o impacto normalizado (CNCI) acadado en WOS. Consulte aquí o estudo completo.