Co gallo do Día do Libro, e como actividade paralela á campaña Libros salvavidas, a biblioteca central do campus de Vigo acolle unha exposición bibliográfica relacionada coa axuda humanitaria, cos conflitos que provocan éxodos e coas migracións. Libros e películas estarán expostos ata final de mes (neste tempo tamén se poden levar en préstamo eses libros). Pódese ver o contido da mostra en Pinterest...
Libros salvavidas consiste na recollida, en todas as bibliotecas da universidade, de libros en bo estado que calquera persoa queira doar (novelas, cómics, libros de cine, de música, libros infantís...). Venderemos estes libros nos mercados solidarios que instalaremos nos tres campus os días 25, 26 e 27 de abril. O mercado abrirá cun coloquio o martes 25 de abril ás 11.30 na área comercial do campus Lagoas-Marcosende de Vigo, no que coñeceremos catro visións deste drama humano (voluntariado, rescate, xornalismo e política), e rematará cunha actuación de maxia a cargo de Leo Leiño o día 6 de maio ás 18.00 no colexio Santiago Apóstol de Vigo. Toda a recadación irá destinada á ONG Proem-aid, que socorre as persoas que chegan por mar á illa de Lesbos
Síguenos en:
Facebook: @librossalvavidas | Twitter: @librossalvavidas | Pinterest: Libros salvavidas