A Biblioteca Universitaria de Vigo pon en marcha a campaña "Libros salvavidas" co fin de mobilizar a comunidade universitaria ante unha das maiores crises humanitarias da historia, que leva a máis dun millón de persoas a emprenderen unha perigosa travesía polo Mediterráneo cara ás costas europeas. Libros salvavidas consiste na recollida, en todas as bibliotecas da universidade, de libros en bo estado que calquera persoa queira doar (novelas, cómics, libros de cine, de música, libros infantís... non libros de texto nin de investigación). Venderemos estes libros nos mercados solidarios que instalaremos nos tres campus os días 25, 26 e 27 de abril, e toda a recadación irá destinada á ONG Proem-aid, que socorre as persoas que chegan por mar á illa de Lesbos.
Inauguraremos o mercado cun coloquio, o día 25 de abril ás 11.30 h. na área comercial do Campus de Vigo, no que participarán Alberto Agrelo (Proem-aid), Iago Aaújo (voluntario no campo de Oynofita), Ana Miranda (representante do BNG no Parlamento Europeo) e Felipe Carnotto (fotógrafo documental, coautor de A ruta dos refuxiados). No mercado, ademais dos libros recollidos, venderemos outros moi especiais, doados polos propios autores e autoras e dedicados por eles/as especialmente para a ocasión. Ademais, alí poderedes conseguir entradas para un espectáculo de maxia a cargo de Leo Leiño que terá lugar o día 6 de maio no colexio Santiago Apóstol de Vigo.
Síguenos: Facebook: librossalvavidas
@librosalvavidas