Ultimamente hai certo alboroto na Biblioteca Central do Campus de Vigo. Á aparición dun primeiro "cadáver" cunha enorme mensaxe que dicía "proximamente aquí haberá moito que investigar", seguiu un segundo. Esta vez, unha muller caía aos pés da escaleira (os impactos das balas que acabaron con "ela", a silueta pintada pola policía e o rastro de sangue que deixou, aínda poden verse). A sombra de Hitchcock asoma tras os cristais dun lucernario, e cada día, manchas de sangue aparecen sobre as mesas… Fálase "Dun cadáver na biblioteca…
Que está acontecendo...?
... Pois que na Biblioteca Central se fixo unha selección de cine e novela negra para que vos levedes de vacacións. É unha pequena parte do moito que hai na nosa colección. Quixemos presentala dun xeito un pouco rechamante e parece que o conseguimos (son xa uns cantos os alumnos e alumnas que se fotografaron dentro das siluetas que a policía marcou no chan). A selección está composta dunha representación da novela negra a través do mundo. Novela negra española, pero tamén india, xaponesa, chinesa, boliviana. arxentina, cubana, estadounidense, irlandesa, sueca, e por suposto. novela negra feita en Galicia. E películas, tamén hai moitas películas. Non deixes de pasar pola biblioteca ou busca no catálogo. Pon un misterio nas túas vacacións!
Pero ademais un curioso visitante visitounos e decidiu facerse un oco na mostra e instalar a súa morada. Aquí tedes a "Rabudiño" ...
Foto: TinkerBells, "Murdered" en Flickr.