Lectores concentrados, lectores despistados, gatos entre libros, libros entre fíos, as librarías máis belas do mundo, as máis humildes, a lectura cálida do fogar ou a fría dunha rúa... En Exipto, en Etiopía, Marrakech, Praga, Azores, Ares, Vigo... todo está en "Retratando libros", a mostra fotográfica que dende o 23 de abril, Día do Libro, pode verse na Biblioteca Central do campus Lagoas-Marcosende da UVigo.
A mostra parte dunha selección de 28 fotografías de entre as case 200 que compoñen o álbum "Retratando Libros" en Flickr, e son un perfecto exemplo do que esta iniciativa quixo ser dende o seu comezo en 2008: unha invitación a retratar o mundo do libro, en calquera contexto, sen mais. A todos os que participaron neste álbum vai dedicada esta mostra que estará aberta ata finais de maio ao longo do horario habitual da biblioteca. Achégate!
"Retratando Libros" segue aberto en Flickr e agora tamén en Facebook.