Como en cursos anteriores, con motivo dos exames do segundo cuadrimestre e da convocatoria de xullo, a Biblioteca Universitaria vén de poñer en marcha os horarios especiais de apertura, tanto de noites como de fins de semana.
As devanditas aperturas especiais inclúen, por unha banda, as aperturas das fins de semana comprendidas entre o sábado 8 de maio e o vindeiro domingo 11 de xullo. Estas aperturas teñen lugar nas Bibliotecas de Torrecedeira (Vigo), Central de Ourense e Central de Pontevedra cun horario de 8 a 22 horas durante os meses de maio e xuño, e de 9 a 19 horas durante o mes de xullo. Como reforzo, durante as mesmas datas ábrese tamén a Biblioteca Central do campus Lagoas-Marcosende (Vigo) cun horario de 9 a 21 horas durante os meses de maio e xuño, e de 9 a 19 horas en xullo.
Do mesmo xeito, estas catro bibliotecas abrirán, con ese mesmo horario, o vindeiro luns, 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Doutra banda, a partir de hoxe, 10 de maio, e ata o vindeiro 14 de xullo, a Biblioteca Universitaria levará tamén a cabo aperturas nocturnas nas Bibliotecas de Torrecedeira, Central de Ourense e Central de Pontevedra. Estas aperturas pola noite desenvolveranse dacordo cos seguintes horarios (de luns a venres):
- Biblioteca de Torrecedeira e Biblioteca Central de Ourense, ata a 1 da madrugada en maio e xuño, e ata as 0 horas en xullo;
- Biblioteca Central de Pontevedra, ata as 3 da madrugada en maio e xullo, e ata as 0 horas en xullo.