4 febreiro, 2009 | 23:15:00

Entrevista a Catuxa Seoane: ”a biblioteca 2.0 non é cuestión de poder, senón de querer”

Os pasados días 19 e 20 de xaneiro, estivo na UVigo impartindo un curso sobre "Biblioteca 2.0" ao persoal da Biblioteca Universitaria, Catuxa Seoane, unha das principais expertas en España e en Galicia sobre a biblioteca 2.0. Aproveitando a súa estancia no campus, mantivemos con ela unha breve entrevista sobre o 2.0 e as bibliotecas. Licenciada en Documentación por la Universidad Carlos III de Madrid, e actualmente bibliotecaria do sistema de Bibliotecas Municipais de A Coruña, Catuxa Seoane é tamén editora do blog Deakialli Documental, un dos blogues de referencia no campo da biblioteconomía, a documentación e a biblioteca 2.0.


Catuxa, como iniciaches a túa traxectoria no mundo da web 2.0 e, sobre todo, da biblioteca 2.0?

A miña incursión e coñecemento do mundo da Web 2.0 vai intimamente ligado ao meu blog. Cando a miña compañeira de blogging, Vanesa, e mais eu comezamos Deakialli, alá polo 2003, descoñecíamos por completo no mundo no que nos estabamos metendo. Na vida oìmos falar da Web 2.0. Co tempo, no noso arredor a Web 2.0 fixose unha realidade latente e a etiqueta 2.0 inundou todos os servizos web de nova creación, moitos deles encabezados por Google coas suas aplicacións de traballo en liña en detrimento das de escritorio. A Web 2.0 meteuse na miña vida, simplificou o meu traballo, aforroume tempo, axudoume a ampliar a miña rede de contactos e, ademais, é divertida. De aí que as súas bases sexan as mesmas que as da nova filosofia de biblioteca, a "biblioteca 2.0" , tan ben definida por Michael Casey e maxistralmente simbolizada nos gráficos de Didac Margaix: arquitectura da participación, a web coma plataforma e compartir e remezclar a información.


Cal sería a túa definición de biblioteca 2.0?

Básicamente unha biblioteca 2.0 e aquela na que un usuario recibe o mesmo trato e os mesmos servizos entrando pola porta da biblioteca que accedendo a ela a través da sua páxina web. O concepto de "biblioteca 2.0" é o nome dado as bibliotecas e centros de información que souberon adaptarse aos usuarios reais do século XXI: nativos dixitais e inmigrantes dixitais ansiosos de aprender, actualizando e redeseñando os seus servizos contando coa colaboración dos usuarios e aproveitandose da "sabedoría das multitudes". Son bibliotecas 24/7, abertas 24 horas, 7 días á semana. Bibliotecas que entenden que os seus usuarios son calquer cidadán que accede a web da biblioteca (entendendo por web da biblioteca a virtualización total desta, e non só un mero directorio de servizos e teléfonos) dende o outro punto planeta ás 4 da mañá, ou o veciño de en fronte que vai todos os días fisicamente ao centro a ler a prensa ou a descargarse un libro no seu e-book.

Na túa opinión, a biblioteca 2.0 veu para quedar ou é unha moda? Dito doutra forma: as bibliotecas van quedar suxeitas a sistemas de versionado ao xeito das aplicacións informáticas?

Penso  que é mais cunha moda, é un novo modo de entender os servizos bibliotecarios, un novo modo de interactuar cos nosos usuarios. Estamos ante un cambio de paradigma que implica un cambio de actitude. A moda é aplicarlle a etiqueta 2.0 a todo o que sae novo, e se co tempo chégase a falar (como xa está a pasar coa Web 3.0) de "biblioteca 3.0" , quererá dicir que fumos capaces de evolucionar como profesionais e que temos ante nos novos retos que benvidos sexan.

Dende 2006 impartes conferencias e cursos, participas en charlas, intervés en mesas redondas sobre a biblioteca 2.0… Imaxínome que toda esa actividade permitiuche captar o grao de penetración do "dospuntocerismo" nas bibliotecas. Desde esa experiencia acumulada, cal cres que é o grao de "dospuntocerismo" nas bibliotecas universitarias españolas en xeral, e galegas en particular?

O último Fesabid, hai dous anos, supuso un punto de inflexión no tema da biblioteca 2.0 no noso país. As comunicacións (que non as ponencias) trataban na maior parte de expoñer a aplicación dos servizos da web 2.0 nas bibliotecas e centros de información. Entre os asistentes notouse un certo interese en coñecer mais sobre a biblioteca 2.0 e, a partir de aí, non houbo plan de formación ou congreso do noso ámbito que non incluira algún curso, seminario, conferencia, etc. sobre a biblioteca 2.0. Hoxe o interese segue latente.

O grado de implantación é moi variable dependendo do tipo de biblioteca e do país. Paradoxicamente en España, o gran impulso dérono as bibliotecas escolares, especialmente en Galicia, onde contamos cunha importante rede de bibliotecas escolares dospuntoceristas, e as bibliotecas públicas (sobre todo as mais pequenas enseguida souberon ver as grandes posibilidades da web 2.0 nas bibliotecas, axudandolles a sacar partido dos escasos recursos económicos e humans). Sen embargo, as bibliotecas universitarias tardaron moito mais en convencerse das aplicacions da Web 2.0, quizais por problemas burocráticos. Costoulles subirse ao carro . A Web 2.0 é mais viable en entornos pouco xerárquicos en tanto que hai que convencer a menos persoas para probar, trastear e poñer en marcha un servizo 2.0. Pero agora están recuperando o tempo perdido con creces e de Galicia saiu o primeiro blog dunha biblioteca universitária (a Biblioteca da Escola Superior de Arquitectura da UDC). Xa podemos dicir que hai bibliotecas universitarias moi convencidas e facendo cousas interesantes coa Web 2.0. que, ademais, son un referente para o resto da comunidade universitária. Neste sentido destacan especialmente as bibliotecas da Universidad de Sevilla, auténticos laboratorios da web 2.0 na biblioteca universitaria.
Ao rematar o curso citaches unha frase atribuída a Tomas Edison: "os que din que algo é imposible non deberían molestar nin interromper aos que o están facendo"... Cales cres que son os principais obstáculos para a xeneralización da biblioteca 2.0?

A cita escoiteina na ponencia de Didac Margaix  no Congreso de Bibliotecas Públicas celebrado este setembro en A Coruña. Na miña opinión, co primeiro que tropezamos cando queremos poñer en marcha algun servizo 2.0 nas bibliotecas é con nós mesmos, os propios bibliotecarios, que seguimos empeñados coas regras de catalogación, os encabezamentos de materias, os tesauros, etc., e vemos aos usuarios con recelo, sen confiar nas posibilidades de aproveitarnos da sua experiencia, da "sabedoría das multitudes".

 
A web 2.0 ten as súas luces e as súas sombras e cabe pensar que o mesmo ocorre coa biblioteca 2.0. Que vantaxes e que riscos leva a biblioteca 2.0?

A principal vantaxe é que a biblioteca 2.0  é posible se queres. Non é unha cuestión de poder, senón de querer, de confiar no usuario de estar disposto a interacturar, xogar cos usuarios. Non require de coñecementos técnicos, nin de inversións económicas, etc. A outra gran vantaxe é precisamente a gran repercusión que ten na sociedade e nos usuarios todo o que leva a etiqueta 2.0; podemos aproveitarnos de esa moda e lanzar con gran acollida os nosos novos servizos.

Entre os riscos destacaría o desbordamento que pode supoñer o lanzamento dun servizo, morir de éxito, non saber xestionar a participación dos usuarios ou implementar os novos servizos e aplicacións sen que iso vaia da man dunha politica de formación de usuarios acordes aos novos tempos, esquecendonos de albabetizar e capacitar no uso aos usuarios.


Moitas grazas, Catuxa

Grazas a vos.

TAGS

Buscador

"Blogs are like marriage. Once you start one, you are committed" (N. Wreden, 10 Rules for Corporate Blogs and Wikis

diciembre 2017
LMMXVSD
27282930123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031
1234567
 
Suscríbete a RSS
Engadir este sitio a RSS ¿Qué é RSS?
É unha tecnología que envía automáticamente os titulares dun medio a un programa lector ou agregador. Para empregar as fontes RSS existen múltiples opcions. A máis común consiste en instalar un programa chamado 'agregador' ou lector de noticias.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                   

Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.

Copyright © 2017 blogdaBiblio.todos os dereitos reservados. Aviso Legal